Hockey Club Raxoi

Inicio » Sobre nos…

Sobre nos…

PRINCIPIOS BÁSICOS DE ORGANIZACIÓN DEPORTIVA DO HOCKEY CLUB RAXOI

PREÁMBULO

O Hockey Club Raxoi, tal e como se establece nos seus estatutos, é unha asociación que se propón como obxectivo básico promover e favorecer a práctica da actividade física e deportiva a través Hockey sobre patíns, principalmente na nenez e mocidade.

47092917_23534907De acordo co obxectivo principal do Club, e asumindo que vinculado á práctica deste deporte se fomentan actitudes e valores de indubidábel interes
e educativo, cómpre establecer principios básicos que deben ser respectados por parte da directiva, dos socios e socias e tamén do equipo técnico do Club para que, sen menoscabo da súa autonomía e e liberdade de acción, os teñan en conta no exercicio da súa función como adestradores ou adestradoras.

Estes principios deben promover un desenvolvemento íntegro da persoa nas súas dimensións socioemocionais e psicofísicas, e respectar as diferenzas individuais e os distintos ritmos de desenvolvemento de cada nena e neno, promovendo o goce da actividade física e deportiva. Paralelamente, a práctica continuada do hockey fará posible que o neno ou nena desenvolva progresivamente ata a mocidade expectativas axustadas á realidade en relación ás súas propias capacidades deportivas. Non obstante, convén ter en conta que nas primeiras etapas da práctica dun deporte cómpre conxugar a compoñente lúdica e social da actividade coa que ten que ver coa promoción da competencia para executala e que, por outra parte, ten moito marxe para mellorar ao longo da infancia e nenez (con importantes diferenzas de ritmo no progreso). Actitudes implícitas en condutas como os xuízos negativos, a presión excesiva, a comparación continuada, ou a orientación do sentido do goce cara aos resultados deben ser evitadas polos adultos (especialmente, os pais e nais) por predispoñer ao abandono, á frustración ou á marxinación dentro do grupo, afectando negativamente á autoestima, senso de autoeficacia e desenvolvemento posterior dos nenos e nenas (que ben puidese ser máis prometedor do que aparenta o exhibido por outros/as que nun momento dado poidan presentar un desenvolvemento da habilidade máis avantaxado).

PRINCIPIOS

47092917_23534913As actividades deportivas que promove o Club poden diferenciarse en dous tipos, segundo sexan adestramento ou competición, sendo as dúas de indubidábel valor educativo e deportivo. O adestramento, amais de mellorar o estado físico e as destrezas para a práctica deste deporte, promove o sentimento de pertenza a un grupo amplo (o Club), fomenta o respecto ás normas, á autoridade dos/as adestradores/as (disciplina) e á tolerancia cara ás diferentes formas de ser e actuar dos/as compañeiros/as (respecto).

A competición, pola súa parte, ten valores diferenciados posto que permite poñer en xogo as destrezas e actitudes deportivas en contextos menos familiares (con outros nenos/as, noutros espazos, cos árbitros como figuras de autoridade), de maior transcendencia (gañar ou perder implica obter ou non puntos) e cun maior nivel de exposición social. Así mesmo, a competición promove a cohesión e cooperación dentro do grupo-equipo fronte ao equipo rival e implica a aceptación das diferenzas no tipo e nivel de habilidades entre os/as nenos/as que forman o equipo, permite fomentar a tolerancia á frustración e ao fracaso, tanto individual como colectivo, e o respecto ao equipo contrario (tanto na derrota como na vitoria).

No referido ao adestramento:

1.- Recoñéceselle ao quipo técnico a potestade para planificar e organizar, para as sesións de adestramento, as actividades deportivas e educativas que consideren oportunas en virtude da idade e nivel de destreza dos/as nenos/as e mozos que forman parte do Club.

2.- Así mesmo, recoñéceselle ao equipo técnico a potestade de adoitar medidas disciplinares proporcionadas e educativas para reconducir a conduta inadecuada dos/as nenos/as e mozos que forman parte do Club.

No referido á incorporación dos nenos e nenas á competición:

1.- Asumindo que a actividade competitiva presenta valores educativos específicos, o Club debe tratar incorporar a un equipo de competición aos nenos/as do Club que así o desexen (e gocen de consentimento materno/paterno) na medida das posibilidades que determine o número de nenos/as dispoñibles na categoría correspondente.

2.- O equipo técnico terá liberdade de decidir a cal dos equipos do Club se asigna aos xogadores ou xogadoras, dentro do que o regulamento federativo permita, para participar en competición, podendo rexerse esta asignación por criterios de maior ou menor destreza e/ou competitividade. Promoverase que os niveis de destreza sexan semellantes nos nenos e nenas que se inclúan nun mesmo equipo e que a cantidade de nenos non sexa excesiva para favorecer a participación de todos e todas na competición. Puntualmente, e contando coa colaboración de nais e pais, poderanse convocar a nenas e nenos doutros equipos para reforzar a bancada do equipo (ver punto 5).

3.- Todo neno/a e mozo/a que asista regularmente aos adestramentos e estea incluído nun equipo de competición terá o dereito a ser convocado/a para os partidos de competición do seu equipo e de xogar na maioría deles o tempo prudencial que lle permita adquirir hábitos de competición e desenvolver un sentimento de pertenza ao equipo. Tamén terá o deber de asistir con regularidade aos partidos de competición.

4.- O corpo técnico terá a potestade de sancionar as faltas continuadas e inxustificadas de asistencia aos adestramentos ou partidos de competición restrinxindo o tempo de xogo en competición. Polo contra, poderá e deberá premiar a asistencia e o esforzo incrementando o tempo de xogo en competición.

5.- No caso de que algún xogador ou xogadora sexa convocado para xogar con máis dun equipo do Club (dobrar), o principio do punto 3 só rexerá para un dos equipos.

6.- No caso de que o Club non dispoña de suficientes xogadores e/ou xogadoras para conformar un equipo nunha determinada categoría deportiva ou de que se crea estimulante un ascenso de categoría, o equipo técnico xunto coa directiva valorará, en virtude dos equipos que se poidan organizar, a posibilidade ou non de incorporalo/a a outro equipo de categoría superior. De non ser posible incorporalo/a, o Club informará da situación aos proxenitores e da previsión para o futuro.

7.- No caso de que a incorporación do xogador ou xogadora ao Club teña lugar a idades tardías (a partir de 10 anos), o equipo técnico xunto coa directiva valorará, en virtude dos equipos que se poidan organizar e da dispoñibilidade de equipos conformados con xogadores e xogadoras con destrezas deportivas semellantes ás súas, a posibilidade ou non de incorporalo/a á competición. De non ser posíbel incorporalo/a, o Club informará da situación aos proxenitores así como da previsión para o futuro.

8.- Estes principios rexerán e afectarán as categorías deportivas comprendidas entre micro e alevín, sen prexuízo de que o Club promova, na medida do posíbel, a súa aplicación ao resto das categorías

Se queres podes descargarte unha copia dos Principios Básicos do Hóckey Club Raxoi clicando aquí

Advertisements